"A Nena Que Quería Navegar" é un espéctaculo familiar recomendado para rapaces e rapazas entre seis e doce anos. Nel tratamos o tema do acoso escolar, tamén coñecido co termo anglosaxón “bullying”.
A Nena é unha rapaza sen nome que farta de insultos, empurróns e illamento social, foxe da escola para non volver nunca máis. Traballar coa idea do reforzo positivo é unha das claves para previr o acoso escolar. Só un rapaz forte e cunha alta autoestima é quen de facer fronte ao acoso. Queremos que os nosos pequenos espectadores saian fortalecidos despois de asistir á representación de "A Nena que Quería Navegar" e teñan ferramentas para previlo.
Este é un espectáculo optimista, colorista, emocionante, reflexivo e festivo no que mesturamos varias disciplinas artísticas como o teatro de monicreques, o de obxectos, as proxeccións e a música en directo.